Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Cumprir 30 anos aquí

Una persona pasea por A Coruña durante un temporal.

0

Tardei moito en afeccionarme á literatura clásica, pero case dende a adolescencia asocio a década dos trinta con aqueles versos gastados que Dante puxo ao pé da Divina Comedia —“nel mezzo del cammin di nostra vita”— para referirse á trintena que encetaba: comezou a escribila con vinte e nove anos e traballou nela ata a súa morte. Cando fixen dezaoito, un amigo definiu aquel aniversario coma un “Rubicón” e eu sentín a necesidade de dar un pequeno salto. A sensación case física de estar salvando un obstáculo para o que o meu corpo estaba máis preparado do que eu podía imaxinar. E o caso é que, sexa literaria, xeográfica ou histórica a metáfora, agora, apenas unha semana despois de facer os trinta, non sinto que cambiase nada. En lugar diso, desconfío cada vez máis das fronteiras e de quen as inventa —como é natural en tempos de guerra— e percibo as verdadeiras transformacións como algo desesperantemente lento, perceptibles só cando xa pasaron. O transcurso do tempo non é nunca unha sucesión de puntadas, senón máis ben unha tea que se gasta, unha bandeira rachada polo vento.

Malia a todo, nos días seguintes a acadar “el mezzo del cammin”, decido buscar certezas. Escribo, anoto: que supón ter trinta anos hoxe en día no país no que vivo? A pregunta peca de xeralista e de capciosa, así que introducirei un matiz pequeno (ou non tanto): que supón ter hoxe trinta anos e pertencer á clase traballadora (en paro ou en activo) ou á asalariada (tanto se traballas nunha multinacional trituradora como se pertences ao funcionariado anémico). Que supón ter hoxe trinta anos e que os teus pais sigan precarizados? Acoutemos tamén nisto o terreo. Fagámolo sobre todo para evitar caer na nostalxia absurda que practican os fillos da falsa clase media: esa que con esforzo ten segunda residencia ou vacacións e sente que iso os achega a un espellismo do que é desexable, a un espellismo de ser burgueses.

O caso é que consultando datos aquí e acolá, resulta que ter trinta anos neste país supón, por exemplo, non ter o acceso garantido á vivenda e a emancipación: só un 36% dos menores de trinta e cinco ten vivenda en propiedade, fronte ao 70% de hai vinte anos. Iso, no caso de que poidas permitirte mercar algo, se non destinas xa o 40% ou máis do teu soldo a pagar o alugueiro. Pero non temas, porque con sorte, se te informas e decides pedir unha axuda para iso, debes saber que a Xunta de Galicia resolveu agora, no 2024, os Bonos Alugueiro Mocidade 2022. Paciencia. Moita paciencia. Ter trinta anos aquí supón tardar sete anos máis en acadar o soldo medio da xeración anterior.

Tamén é probable que, de cumprir agora trinta, pertenzas a ese 40% de persoas que nalgún momento determinado experimentou problemas psicolóxicos e precisou axuda profesional. Seguramente ti gastaches centos (se cadra miles) de euros en sesións de 60 ou 80 euros nun gabinete privado, poñendo parches a problemas que non dependen necesariamente de ti e que hai uns días a ministra de Sanidade denominou —por fin— “malestares [que] no se curan con una pastilla”.

E por enriba de todo isto, se emprendiches unha procura similar á miña, seguramente terías que ler polo camiño infinitos artigos graciosos sobre por que cada vez practicamos menos sexo. E, tamén moi probablemente, eses artigos estivesen situados no buscador de Google a carón doutros onde se destaca que o 25% dos mozos españois sofren de soidade non desexada.

Por sorte, a maioría das enquisas que consultei, detéñense nos vinte e nove anos para referirse á xente moza e iso acrecenta a miña sensación de que algo máxico está a piques de suceder. De que unicamente debo agardar e seguir camiñando mentres agardo. Como se a onda non me arrastrase consigo. Como se os trinta, efectivamente, fosen un dique. Pero a realidade é que sei xa que ter trinta anos non é nin mellor nin peor ca ter cincuenta. Só implica outro estado do corpo, outra marxe de manobra, máis días por diante. Ter trinta anos comporta cargar co peso lixeiro da posibilidade dun cambio dentro da propia clase: non un ascenso, senón algo horizontal. Un cambio lento. Unha erosión. Para min, cumprir trinta anos supuxo reafirmarme na posibilidade de que hai algo que podemos facer. Aínda que sexa só aquí, no lugar preciso que ocupo no mundo, o lugar dende onde escribo. Un sitio que nunca é o mesmo que hai un minuto. Non, cando menos, desde que eu decido habitalo con esta conciencia nova.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats